A representación das nenas e as mozas na cultura actual non sempre é tan moderna como aparenta. Así se explicou este venres na Xornada de Sensibilización Girlhood: representación das nenas e mozas na cultura do século XXI, unha actividade organizada polo grupo de investigación BiFeGa -Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación-, co patrocinio da Unidade de Igualdade.
“Queremos facer reflexionar sobre as representación que teñen as nenas e as mozas e que, ao noso modo de ver, segue a ser moi daniña, así como tamén na interiorización que fan as propias nenas destes modelos tan prexudiciais para elas e que non sempre se cuestionan amplamente na sociedade”, explicou a coordinadora da xornada, a profesora Belén Martín Lucas, recalcando así a importancia de facer pensar sobre esta cuestión. “Se ben existen intervencións feministas sobre estas temáticas, segue a haber moitísimos produtos comercializados nas grandes plataformas e editoriais que son aparentemente moi modernos, pero que na realidade representan patróns claramente tradicionais”, recalcou a investigadora.
As xornadas, que se levaron a cabo no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, centráronse naqueles xéneros que van especialmente dedicados a esa franxa de idade para ver cales son as representacións que teñen as mozas e como as reciben elas. Nesta liña, Belén Martín Lucas explicou na introdución ao evento que ao longo da xornada se analizaría literatura xuvenil e infantil e tamén coñecidas series de televisión.


