Ata o vindeiro luns 10 de abril permanecerá aberto o prazo de presentación de traballos aos Premios de poesía, relato curto e tradución que convoca a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
Abertos a todos os membros da comunidade universitaria, o obxectivo destes galardóns, convocados ao abeiro do convenio de colaboración vixente entre a UVigo e Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta, é distinguir as mellores poesías, relatos cursos traducións escritos en lingua galega, sempre de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia da Lingua e o Instituto da Lingua Galega.
3600 euros en premios
En total, estes premios repartirán entre as e os galardoados 3600 euros, cun primeiro premio de 700€ e dous accésits de 250€ para cada unha das tres modalidades. Aínda que a convocatoria está aberta a todos os membros da comunidade universitaria, na modalidade de tradución non poderá intervir o profesorado que imparta docencia no Grao en Tradución e Interpretación, no Grao en Linguas Estranxeiras, no Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios ou Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española.
Os traballos deberán ser inéditos e non ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado ou estar pendentes de concesión doutro premio. Ademais, cada unha das modalidades comprende unha de requisitos para os textos. No caso da poesía e do relato curto, a temática é libre e a extensión dos escritos será de entre 100 e 150 versos no caso das poesías e de entre 2500 e 6000 palabras para os relatos. Na modalidade de tradución, o texto fonte poderá ser de calquera xénero, tanto literatura como ensaio, divulgación científica, guión cinematográfico ou videoxogos, e en calquera idioma. A extensión deberá estar tamén entre as 2500 e as 6000 palabras.
As persoas que resulten gañadoras en cada unha das tres modalidades recibirán os seus premios no transcurso do acto institucional de celebración do Día das Letras Galegas que terá lugar o 15 de maio. Ademais, os seus traballos reuniranse nun volume que, como cada edición destes premios, publica a Universidade de Vigo.