Unha maior preparación para un mundo globalizado, “pois a competencia multilingüe ten un papel fundamental á hora de mellorar a capacidade de emprego e mobilidade”, é para a docente e investigadora e directora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá, Dolores González, un dos sinais de identidade dos futuros e futuras egresadas do Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española (FAGE), que a UVigo comezará a impartir o vindeiro curso 2021-2022. A titulación, que distribúe os catro anos do plan en dous ciclos: un primeiro de dous anos de formación básica e obrigatoria, e un segundo de formación máis especializada, orientada a cada unha das linguas centrais do grao: galego e español, permitirá, ademais, ao seu alumnado cursar dous idiomas modernos a elixir entre: alemán, francés, inglés ou portugués. Así mesmo, a incorporación da lingua de signos, nun módulo optativo de especialización, converte a este grao no primeiro do Sistema Universitario Galego en dispor desta formación, “que contribuirá a que existan máis titulados e tituladas cun coñecemento da lingua de signos española (LSE) e a cultura xorda, que son cada vez máis demandados por parte do colectivo xordo”, explica Maruxa Cabeza, docente e investigadora do grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedades (Grades) da UVigo.
A nova titulación, que substitúe ao Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, reforza a oferta da UVigo no ámbito das Humanidades, asegurando a continuidade e renovando os estudos de galego e español, que se remontan na institución académica viguesa 40 anos atrás. “A aplicación das novas tecnoloxías ao estudo da lingua e literatura galega e española, supón unha actualización dos estudos”, sinala Dolores González en relación co novo grao, que ten unha estrutura que permite compartir 90 créditos comúns co outro grao que se imparte na Facultade, o de Linguas Estranxeiras, e 30 créditos específicos de galego e de español. A isto se engade a posibilidade de libre deseño do currículo que fai posible que, ademais dos dous itinerarios propostos, o alumnado teña a opción de deseñar libremente o seu. A incorporación de prácticas externas e que no Traballo Fin de Grao se recolle de xeito explícito a orientación práctica e aplicada, son outras características que achegan singularidade ao novo grao que se estreará cunha oferta de 50 prazas o vindeiro curso 2021-2022.