Breve Historia da Facultade de Filoloxía e Tradución

Luis Domínguez Castro 
Catedrático de Historia Contemporánea
Universidade de Vigo

 

As orixes remotas da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) compre buscalas na Sección de Filoloxía que funcionaba no antigo Colexio Universitario de Vigo (CUVI), dependente organicamente da Universidade de Santiago de Compostela. Esta sección ofertaba os primeiros ciclos de tres vellas titulacións: Filoloxía Hispánica, Filoloxía Xermánica e Filoloxía Románica. No curso académico 1987/1988, Hispánicas acollía a 289 estudantes, Xermánicas a 313 e Románicas a 18. O conxunto da Sección de Filoloxía tiña o 26,6% do alumnado do CUVI.

Coa creación da Universidade de Vigo naceu, polo Decreto 505/1990, de 2 de novembro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (DOG 19 de novembro), a Facultade de Humanidades de Vigo, por transformación positiva do CUVI, segundo reza o mencionado Decreto. Tamén se di nel que se autoriza a continuidade dos primeiros ciclos que se viñan impartindo e “mailos segundos ciclos que, polo procedemento regulamentario, poida solicita-la universidade nese ámbito no futuro”.

Botou a andar aquela Facultade, no curso 1990/1991, cun orzamento de 1.806.396 pesetas, das que a Reitoría achegou o 49,9%, a Deputación Provincial de Pontevedra o 33,3% e a Caixa de Aforros Municipal de Vigo o restante 17,8%. O alumnado que acollían os primeiros ciclos das tres titulacións xa mencionados alcanzaba unha cifra de 630, repartidos entre os 343 de Filoloxía Xermánica, os 252 de Filoloxía Hispánica e os 35 que cursaban Filoloxía Románica. Integraban o claustro de profesorado once mulleres e dez homes. Once estaban en posesión do grao de doutoramento e dez do de licenciatura. As categorías profesionais eran as seguintes:

Categoría Número
Titular de Universidade 10
Titular de Escola Universitaria 1
Titular de Universidade Interino 1
Axudante 1
Asociada da Universidade 2
Profesorado Asociado T3 6

 

Ao mesmo tempo que botaban a andar as Facultades, facíano tamén os Departamentos, ao longo do mes de maio de 1990. Na de Humanidades tiñan a súa sede dous. Os de Filoloxía Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral e o de Filoloxía Francesa. Mentres, o Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá fixaba a súa primeira sede na Escola de Enxeñería Industrial e o de Filoloxía Galega na Escola de Maxisterio de Pontevedra.

A primeira titulación completa que ofreceu a Facultade foron os estudos de Tradución e Interpretación que  se comezaron a impartir no curso académico 1992/1993. No curso seguinte, 1993/1994, iniciaron a súa andaina os estudos de Filoloxía Inglesa e de Filoloxía Hispánica, está última tras gañar en votación á alternativa de implantar Filoloxía Galega, por contar con máis recursos humanos e materiais e responder mellor ás necesidades da sociedade, segundo o criterio da Xunta de Centro. Daquela, ese órgano vira case duplicada a presenza de profesorado, pasando de 23 a 43 membros. En virtude do contemplado no Real Decreto 1267/1994 (BOE 11 xuño) que establecía as directrices comúns dos plans de estudo dos títulos oficias, deixando a criterio de cada universidade fixar a duración dos primeiros ciclos en dous ou tres anos académicos, as tres titulacións da Facultade de Humanidades pasaron a ter unha duración de catro cursos, a partires de 1995/1996.

Nese mesmo curso 1995/1996, o Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá ofertou o primeiro programa de doutoramento en Filoloxía inglesa: novos modelos de análise lingüística e literaria, acollendo a dúas persoas. No transcurso do ano académico 1996/1997 comezou o seu periplo a titulación de Filoloxía Galega que, se ben estaba adscrita á Facultade de Humanidades de Vigo, impartíase na Escola de Maxisterio de Pontevedra. Isto respondeu ao acordo tomado polo Consello Universitario de Galicia, en 1993, en virtude do cal, cada un dos sete  Campus galegos, debería contar, cando menos, con tres titulacións de segundo ciclo. Pontevedra só tiña dúas e acolleu a nova concedida a Universidade de Vigo. Cumpriría agardar ata o curso 1999/2000, trala posta en marcha da titulación de Ciencias de Actividade Física e Deportiva, en Pontevedra, para que Filoloxía Galega se establecera na Facultade, despois de mesmo terse barallado a permuta de sede con Tradución e Interpretación.

A denominación da Facultade non foi pacífica. Xa o 20 de setembro de 1990, a Xunta de Centro aproba ─ por 10 votos a favor, 6 abstencións e 1 en contra ─ demandar das autoridades competentes o cambio de nome polo de Facultade de Letras. De feito, o libro de actas recolle ese nome cando se encabezan as primeiras Xuntas de Centro e en todos os selos oficiais se emprega a denominación: Facultade de Humanidades (Letras). A Xunta de Goberno apoiará esa mudanza e mesmo chegou a ser bendicida polo Consello Universitario de Galicia, segundo se informou na Xunta de Centro do 12 de febreiro de 1993. Mais, cal estrambote cervantino, a autoridade “caló el chapeo, requirió la espada miró al soslayo, fuese y no hubo nada”. O 10 de febreiro de 1999, A Xunta de Centro volveu sobre a cuestión da denominación oficial. Por 31 votos a favor, 12 en contra e 14 abstencións acordouse mudar o nome. Someteuse, primeiro, a votación o apelativo Facultade de Letras que só logrou 9 votos a favor, fronte a 28 en contra e 21 abstencións. Na rolda definitiva, Facultade de Filoloxía e Tradución impúxose por 21 votos a favor, fronte aos 7 obtidos por Facultade de Filoloxía, Tradución e Interpretación e 18 abstencións. Agora si, o Decreto 216/1999, de 15 de xullo (DOG 26 de xullo) fixo oficial o nacemento da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT).

No seu primeiro curso académico, o novo centro acollía a 1.523 estudantes repartidos entre as catro licenciaturas de Filoloxía Inglesa (538), Tradución e Interpretación (474), Filoloxía Hispánica (341) e Filoloxía Galega (170). A estes, habería que sumar a 87 estudantes máis integrados nos oito programas de doutoramento que ofertaban os cinco Departamentos daquela con sede nel.

No transcurso do ano académico 2001/2002, as catro licenciaturas volveron á duración clásica dos cinco cursos, permanecendo así ata a incorporación da Universidade de Vigo ao Proceso de Boloña coa asunción dos graos de catro anos académicos e os mestrados de un, no curso 2009/2010. As dificultades de matrícula aconsellaron daquela á Xunta de Centro a reducir a oferta de graos a só tres: Tradución e Interpretación, Linguas Estranxeiras e Estudos de Galego e Español.

A FFT daba acubillo, naquel curso a 902 estudantes de graos e licenciaturas, distribuídos do seguinte xeito. Licenciaturas: Tradución e Interpretación (488), Filoloxía Inglesa (110), Filoloxía Hispánica (65) e Filoloxía Galega (58). Graos: Tradución e Interpretación (116), Linguas Estranxeiras (45) e Estudos de Galego e Español (20). A estes estudantes cómpre engadir outros 122 nos sete mestrados oficiais existentes no centro e 59 máis matriculados nos sete programas que ofertaban os cinco Departamentos con sede nel. O claustro de profesorado estaba conformado por 59 homes e 51 mulleres. Tiñan o grao de doutoramento 77 e 33 o de licenciatura.

As categorías profesionais eran as seguintes:

Categoría Número
Catedrática/Catedrático Universidade 5
Catedrática/Catedrático Escola Univ. 2
Titular de Universidade 56
Titular de Escola Universitaria 3
Profesorado Contratado Doutor 8
Axudante 10
Asociada da Universidade 2
Profesorado Asociado T3 29

 

Os graos en Tradución e Interpretación e en Linguas Estranxeiras fóronse consolidando, anque o primeiro deles perdeu a combinación Francés/Galego no curso académico 2020/2021. Pola contra, o grao en Estudos de Galego e Español non logrou estabilizarse. No ano académico 2014/2015 foi substituído polo grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Porén, o novo grao tampouco conseguiu continuidade e no ano académico 2021/2022 deu paso ao máis recente dos graos da FFT, o de Filoloxía Aplicada Galega e Española.