Asisten: Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; José Montero, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Ian Gibson e Pablo Romero.
O cine Salesianos acolle a presentación en Vigo a película Donde acaba la memoria, dirixida polo docente e investigador da UVigo Pablo Romero. Donde acaba la memoria marca o final dunha longa viaxe de 50 anos para Ian Gibson, iniciada cando abandonou Irlanda e viaxou a Granada para escribir unha tese sobre Federico García Lorca e que continuaría durante décadas cos seus traballos sobre as miles de persoas asasinadas polo réxime de Franco, e tamén sobre o director Luis Buñuel e o pintor Salvador Dalí.
Rematada a proxección, comezará un coloquio no que participarán o director e Ian Gibson.
Sinopse
En 1933, Luis Buñuel viaxou a Las Hurdes, unha rexión illada e empobrecida do centro de España, para facer o histórico documental Tierra sin pan. 85 anos despois, o hispanista e biógrafo Ian Gibson fixo a mesma viaxe para completar o traballo de toda unha vida. Donde acaba la memoria, percorre Las Hurdes e a Residencia de Estudantes coa colaboración de Mike Dibb (cineasta da BBC, gañador do Emmy), Carlos Saura e Román Gubern para construír o retrato de Ian Gibson, un detective literario que adicou a súa vida a recuperar a memoria recente de España a través das biografías de tres dos seus xenios máis recoñecidos: Buñuel, Dalí e Lorca. A viaxe remata en Granada, onde, tras unha busca de 50 anos, Gibson está máis preto que nunca de atopar os restos de Lorca como símbolo de reconciliación dun país que se nega a facer as paces co seu pasado.