A representación das nenas e as mozas na cultura actual non sempre é tan moderna como aparenta

A representación das nenas e as mozas na cultura actual non sempre é tan moderna como aparenta. Así se explicou este venres na Xornada de Sensibilización Girlhood: representación das nenas e mozas na cultura do século XXI, unha actividade organizada polo grupo de investigación BiFeGa -Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación-, co patrocinio da Unidade de Igualdade.

 “Queremos facer reflexionar sobre as representación que teñen as nenas e as mozas e  que, ao noso modo de ver, segue a ser moi daniña, así como tamén na interiorización que fan as propias nenas destes modelos tan prexudiciais para elas e que non sempre se cuestionan amplamente na sociedade”, explicou a coordinadora da xornada, a profesora Belén Martín Lucas, recalcando así a importancia de facer pensar sobre esta cuestión. “Se ben existen intervencións feministas sobre estas temáticas, segue a haber moitísimos produtos comercializados nas grandes plataformas e editoriais que son aparentemente moi modernos, pero que na realidade representan patróns claramente tradicionais”, recalcou a investigadora.

As xornadas, que se levaron a cabo no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución, centráronse naqueles xéneros que van especialmente dedicados a esa franxa de idade para ver cales son as representacións que teñen as mozas e como as reciben elas. Nesta liña, Belén Martín Lucas explicou na introdución ao evento que ao longo da xornada se analizaría literatura xuvenil e infantil e tamén coñecidas series de televisión.

Erotismo e literatura xuvenil

A primeira en intervir foi a escritora  de literatura infantil e xuvenil Selene M. Pascual, doutora pola Universidade de Vigo, onde exerceu durante uns anos como investigadora do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, subgrupo incluído no propio Grupo Bifega, e que está especialmente dirixido ao alumnado de posgrao e persoal investigador nos ámbitos dos estudos feministas, poscoloniais ou de globalización. “Na súa obra creativa esta autora fai propostas innovadoras sobre o xénero e a sexualidade e leva á ficción cuestións feministas de gran calado como a depresión das nenas e mozas, o bullying, os abusos sexuais ou a presión das redes sociais”, explicou Martín Lucas na súa presentación. Cunha intervención titulada A capitalización do erotismo na literatura romántica xuvenil: as trampas do patriarcado, a autora reflexionou sobre como o sexo segue a ser neste tipo de literatura un tema “do que só se fala en grupos pequenos, en conversas particulares, pero non en público, ben porque segue a ser un tabú, ben porque hai medo a que malinterpreten as túas palabras, como tantas veces acontece nas redes sociais”.

Series de televisión

A xornada completouse coa intervención das investigadoras da Universidade de Vigo Iria Seijas, que impartiu o relatorio Diversidade sexual nun contexto católico: mozas queer na literatura xuvenil irlandesa, e Sara Tabuyo, que centrou a súa intervención na serie de televisión The Handmaid`s Tale, traducida ao castelán como El cuento de la criada.

A maiores contouse tamén coa intervención, vía Campus Remoto, do profesor da Universitat de les Illes Balears Rubén Jarazo, especialista en literatura e cultura inglesa do século XX, que se centrou na serie Derry Girls, na que se relatan as vivencias dun grupo de amigas adolescentes na década de 1990 en Derry, Irlanda do Norte.
 

Ler a noticia completa no DUVI