O programa de eventos para conmemorar o Día Internacional da Muller no campus de Vigo arrancou hoxe mércores cunha xornada sobre as mulleres nas artes escénicas. Celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución baixo o título As mulleres á escena: reflexións e experiencias desde unha perspectiva feminista, reuniu ás actrices galegas Patricia de Lorenzo e Arantza Villar. Nunha conversa sobre as súas experiencias e reflexións arredor da posición das mulleres no teatro, desde unha perspectiva feminista, fixeron fincapé na importancia “da prevención e da educación” como elementos “fundamentais” porque rachar “esa estrutura patriarcal que temos”.
O alumnado e profesorado asistente a esta conversa puido coñecer de primeira man, por exemplo, que a artes escénicas galegas son pioneiras a nivel estatal, ao seren as primeiras en dotarse dun protocolo sectorial contra o acoso por razón de sexo, xénero ou orientación sexual que abrangue a todos os traballadores e traballadoras implicadas nunha produción, dende o persoal técnico, de elenco, músicos, etc. “Entre todos construímos un documento, de carácter preventivo, que nos permite visualizar os comentarios, comportamentos ou actitudes machistas e nos axuda a saber como debemos relacionarnos nunha produción escénica”, explicaban. Ambas recoñecían que, se ben é certo que “nas artes escénicas pode haber unha certa sensibilidade por estas cuestións”, existía unha carencia evidente deste tipo de protocolos que axudan a “describir o que é un comportamento adecuado”. Neste sentido, as dúas actrices tamén reflexionaron sobre a necesidade de estender o protocolo das artes escénicas ao eido audiovisual, xa que deste sector proceden principalmente as queixas por discriminación, acoso ou comportamentos indebidos. “É unha ferramenta fundamental, polo labor de prevención, pero tamén porque externaliza a persoa que vai recibir a queixa, algo moi importante nun sector no que as empresas están moi atomizadas e nas que nos coñecemos todos”.
Na conversa, moderada pola profesora Maruxa Cabeza, tamén reflexionaron sobre a existencia dun teatro feminista, que non é máis que aquel que “promove a igualdade entre as persoas” e que racha “cos roles e estereotipos do patriarcado dentro da propia narrativa dos espectáculo” e permite abordar as producións “con outra mirada e perspectiva”. Arantza Villar, que actualmente preside a Asociación Galega de Actores e Actrices, e Patricia de Lorenzo, que acaba de ser nomeada xestora da Asociación de Compañías Galegas, tamén reflexionaron sobre o humor como ferramenta para falar de feminismo e para denunciar e poñer sobre a mesa os comportamentos patriarcais. En palabras de De Lorenzo, “o humor é a ferramenta máis intelixente, sobre todo para temas de este calado e transcendencia” e permite “falar de feminismo sen que o pareza”, engadía Villar.
Maña xoves, o acto institucional co entrega do Premio UViguala
Tras esta primeira actividade, mañá xoves terá lugar o evento central da programación do 8M na Universidade de Vigo, o acto institucional no que se fará entrega do XII Premio de compromiso coa igualdade de xénero da Universidade de Vigo, Uviguala 2024, que nesta ocasión se concede á iniciativa ElasFanCienTec. O evento terá lugar na sala I do edificio Miralles ás 13.00 horas. Mañá tamén, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organiza unha mesa redonda sobre A igualdade de xénero: aplicación non ámbito xurídico e laboral, que se celebrará no salón de grao do centro a partir das 12.30 horas.
O propio día 8, o centro de investigación interuniversitario Ecobas celebra unha xornada en liña sobre I+D+i con perspectiva de xénero, que impartirá a investigadora da USC Sara Fernández López, que falará sobre transferencia do coñecemento e emprendemento feminino.
Xa a vindeira semana, o día 12 a partir das 11.00 horas, no auditorio do centro de investigación Cintecx terá lugar a presentación da guía Perspectiva de xénero no ámbito tecnolóxico e industrial, que pretende incorporar a mirada da igualdade á investigación no eido tecnolóxico-industrial e dotar o persoal investigador de ferramentas e pautas específicas para mellorar a calidade das súas propostas de investigación.
Dous días despois, o xoves 14, a Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá a I Xornada de Igualdade para o alumnado internacional, unha actividade que pretende concienciar o estudantado estranxeiro que está a realizar unha estadía académica na UVigo sobre a prevención da violencia machista e o acoso por razón de sexo ou orientación sexual.
Paralelamente, a Escola de Maxisterio CEU, centro adscrito á Universidade de Vigo, tamén puxo en marcha un programa de actividades co gallo desta data, como unha exposición de carteis sobre mulleres elaborados por alumnado da escola que se poderá visitar dende o día 8 ata o 22 ou un roteiro pola igualdade: Sons de mulleres que terá lugar o día 12 de 10.00 a 13.00 h. Ademais, o alumnado de 3º curso do Grao en Educación Infantil realizará un percorrido polo itinerario sinalizado pola Concellaría de Igualdade do Concello de Vigo. Finalmente, o centro tamén convocou o V Concurso de fotografía Donas de si, para traballos que recollan escenas da vida cotiá das mulleres, reflectidas desde calquera ámbito da sociedade. O prazo de entrega das imaxes estará aberto ata o 18 de marzo.
Outro centro adscrito da UVigo, a Escola Universitaria de Enfermaría Meixoeiro, tamén se une á conmemoración cun mural de fotografías que se pode visitar durante esta semana.