Investigación ao servizo das necesidades comunicativas das vítimas de violencia de xénero xordas, inmigrantes e refuxiadas

Dunha banda, mulleres vítimas de violencia de xénero, tanto xordas e xordocegas, como inmigrantes e refuxiadas, que non falan a lingua ou linguas do país no que se atopan, e doutra, intérpretes, profesionais da xustiza e outros axentes sociais que desenvolven o seu labor coas primeiras, son os dous colectivos nos que centra o seu traballo o proxecto Justisigns2. O consorcio de persoas expertas de España, Irlanda, Bélxica e Reino Unido que integra o proxecto Eramus+, baixo a coordinación de Intersource Group, céntrase en mellorar as interaccións das vítimas con diferentes axentes que traballan con elas, e é que, segundo explican as docentes e investigadoras da UVigo Maribel del Pozo e Maruxa Cabeza, “son moitos os problemas detectados na comunicación entre esas vítimas e as persoas que as atenden e moitos deles son debidos á falta de formación en violencia de xénero dos e das intérpretes que interveñen, e tamén á falta de formación sobre como traballar con intérpretes por parte das e dos axentes”. Xunto a Del Pozo e Cabeza, os docentes e investigadores Silvia Pérez Freire e David Casado Neira e a estudante de doutoramento Iria Seijas Pérez, completan a representación da UVigo neste proxecto, no que tamén participan a Heriot Watt University de Escocia e o Trinity College de Dublin.

Financiado polo programa Erasmus+, con preto de 400.000 euros, Justisigns2 conta, tamén, como socios con HfH (University of Teacher Education in Special Needs) de Suiza, o Dublin Rape Crisis Center e a An Garda Síochána (Ireland’s National Police and Security Service).

Ler a noticia completa no DUVI