Arranca unha nova edición do Tándem Lingüístico tras o éxito do pasado curso

O ano pasado a Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas puxeron en marcha un programa de Tándem Lingüístico, unha iniciativa pioneira na Universidade de Vigo que tiña por obxectivo poñer en contacto a persoas que falan diferentes linguas con membros da comunidade universitaria que queiran coñecer algún destes idiomas e ao tempo practicar con elas español ou galego. Como explica Óscar Ferreiro, director de Área de Plurilingüismo, a acollida foi moi boa, “tivo moitísimo éxito e é unha riqueza que temos que aproveitar”. Participaron 127 membros da comunidade universitaria, tanto PAS como profesorado pero, sobre todo, alumnado, e entre todos ofreceron máis dunha vintena de idiomas “como o francés, o alemán, o italiano ou o swahili así como outros menos coñecidos”.

Neste curso, unha trintena de idiomas

Tras o bo recibimento que tiveron os tándems na primeira edición, o programa regresa neste novo curso e ofrece unha trintena de linguas, dende algunhas ben habituais como alemán, árabe, chinés, español, italiano, francés, galego, polaco, portugués, neerlandés, romanés, turco, húngaro ou inglés, a outras menos coñecidos como hindi, filipino, islandés, indonesio, ruso, xabanés, farsi, coreano, malaio, marathi, hebreo, crioulo, yoruba, urdu, tagalo ou hokkien. Para facer posible unha oferta de idiomas tan ampla, un dos eixos fundamentais do programa é o alumnado estranxeiro que se atopa na Universidade de Vigo cun programa de mobilidade. Elas e eles son os que achegan boa parte da diversidade de linguas que fan posible o Tándem Lingüístico.

O prazo de inscrición para este curso 2024/2025 xa está aberto pata toda a comunidade universitaria e a idea é poñer en contacto as partes interesadas en realizar este intercambio lingüístico para que as e os participantes poidan practicar e mellorar as súas habilidades lingüísticas a través de conversacións informais. Deste xeito, non só se fortalecen as habilidades comunicativas en diferentes idiomas, senón que tamén enriquece a comprensión cultural e promoverá a diversidade na contorna. 

As persoas interesadas deben inscribirse no programa indicando as linguas que ofrecen e especificando tamén as linguas nas que lle son de interese para practicar ou coñecer. Unha vez pechado o prazo establécense os binomios e logo serán os membros de cada tándem os que se organizan para quedar e practicar as linguas, de xeito informal e pola súa conta, tratando que se sexa dun xeito distendido e adaptado ás necesidades e á dispoñibilidade de cada un deles e delas. 
 

Ler a noticia completa no DUVI