Alumnas do Grao de Linguas Estranxeiras poñen en marcha unha exposición sobre as vangardas femininas

O pavillón central da Facultade de Filoloxía e Tradución acolle dende hoxe xoves unha mostra que, baixo o título Avant-gardes au féminin, pretende subliñar a importancia das mulleres, como artistas, como dinamizadoras e como temática nas vangardas e durante todo o período dos Années Folles, é dicir, a década de 1920 en Francia. Esta exposición, que se poderá visitar durante todo o mes de maio, é obra dun grupo de alumnas de Literatura Francesa do segundo curso do Grao de Linguas Estranxeiras, coa coordinación dos profesores desta materia Carla Figueiras e Hermes Salceda, do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá.

A través dos paneis, situados no vestíbulo do centro, as e os visitantes poden coñecer algunhas das artistas máis destacas desa época e tamén os movementos das vangardas, como o dadaísmo e o surrealismo, así como artistas masculinos que representaron ás mulleres e os seus corpos. Por exemplo, unha das mulleres presentes na mostra é Germaine Dulac, cineasta, xornalista e figura destacada da vangarda francesa dos anos 20. Na mostra tamén están presentes representantes doutras moitas disciplinas e vangardas, dende Coco Chanel ata a cantante e a actriz Joséphine Baker, a fotógrafa e escritora Claude Cahun, actriz e directora Marie Epstein, a modelo Kiki de Montparnasse ou a escritora, poetisa e novelista Natalie Clifford Barney.

A década das vangardas e das mulleres

Como explica a docente Carla Figueiras, “hai un século, reaccionando en parte á primeira Guerra Mundial”, o movemento Dadá “acendeu a chama da protesta máis extrema: a tradición racionalista europea e a ideoloxía do progreso desembocaran na carnicería das trincheiras, era preciso entón liquidar toda a tradición cultural occidental”. Nese momento xorden as vangardas que apostan por rachar co pasado e por propoñer novas formas de pensar, de ver e de crear. É a década de 1920 que en Francia se denominou Années Folles, os felices anos 20. Nese contexto o universo feminino, destaca a docente, comeza a espertar interese entre movementos e correntes de pensamento interesadas en “eliminar a metafísica occidental e o seu sistema de oposición binarias que vincula o masculino co positivo (a alma e as ideas) e o feminino co negativo (o corpo e o sensible)”.

Así, as mulleres e o feminino comezan a converterse “nunha sorte de obxecto fetiche para os creadores masculinos, unha apertura a un universo afastado do esquematismo racionalista”. Pero ao tempo, tamén “adquiren rango de arte actividades consideradas ata entón “menores” como a moda ou o baile, tradicionalmente asociadas ás mulleres e as creadoras que, por fin, firman co seu propio nome, pasan a ocupar espazos destacados en diferentes ámbitos”. 

En resumo, é unha época na que “o cuestionamento radical do pensamento dominante abre espazos que ocupan as mulleres e, nun efecto búmerang, a actividade delas exerce unha avaliación crítica sobre o heteropatriarcado”. 

Unha iniciativa participativa e colectiva

Ademais da mostra, que se inaugurou esta mañá e se pode visitar no vestíbulo da facultade, este grupo de estudantes deseñou unha serie de iniciativas paralelas para as próximas semanas. Por unha banda, fan un chamamento á “espontaneidade, a acción e a participación” a través dunha “enquisa vital sobre amor sublime” e tamén animan a toda a comunidade universitaria a “encher os muros” de Filoloxía e Tradución de “slogans e frases, Dadá e surrealistas e de retratos de creadoras da vangarda de distintas nacionalidades”. Para iso convidan a todos e todas a imprimir fotos e pegalas, a escribir e a crear, porque “esta é unha exposición colectiva!”.

Ademais, ao longo do mes tamén se concretarán as datas para a proxección de documentais sobre Les années folles e para un coloquio sobre o papel das mulleres neses anos.
 

Ler a noticia completa no DUVI