“Para chegar a entender a actividade comunicativa en comunidades bilingües ou multilingües como a nosa temos que entender como se combinan o individual e o colectivo, a cognición e a cultura, o biolóxico e o institucional, etc. “, explica María del Carmen Parafita Couto, docente e investigadora do grupo LVTC (Languaje Variation and Textual Categorisation) da UVigo, que lembra que na comunicación humana se entrecruzan de xeito complexo o código ou códigos lingüísticos, as capacidades de procesamento lingüístico, as relacións sociais, as intencións comunicativas, o coñecemento previo e as pautas culturais que rexen as situacións de interacción en comunidades específicas. Co obxectivo de reflexionar, desde distintos puntos de vista, sobre as prácticas multilingües, alumnado do curso Lingua e Sociedade da Lingua Inglesa da Facultade de Filoloxía e Tradución organiza este mércores 12 de abril a mesa redonda A mente bilingüe: Entre a sociedade e a cognición, que se celebrará no Instituto Lingua da FFT, entre as 17 e as 19.00 horas.
Na sesión, o alumando do curso entrevistará a sete docentes e investigadoras e investigadores que estudan o bi ou o multilingüismo deste diferentes perspectivas, desde a lingüística ata a tradución, a psicoloxía, a tecnoloxía intelixente ou a física. “A diversidade de perspectivas que serán presentadas nesta discusión pode levar a un maior entendemento sobre o bi/multilingüismo, así como ao desenvolvemento de novas abordaxes para a súa análise”, sinala Parafita, que confirma que cada un das e dos participantes achegará a súa propia experiencia e coñecemento en relación co tema, o que agarda xere un debate produtivo.
Unha abordaxe multidisciplinar do bilingüismo
Na mesa redonda participarán docentes e investigadores da UVigo e de universidades e centros alleos. É o caso de Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC; Montserrat Comesaña, investigadora do Cento de Psicoloxía da Universidade do Minho; Cristina Carvajal, investigadora predoutoral do CiTUS e Cristina Flores, presidenta da Associação Portugesa de Lingüística e docente da Universidade do Minho. En representación da Universidade de Vigo participarán na mesa redonda Xosé Henrique Costas, catedrático do Departamento de Filoloxía Galega e Latina; Claudia de la Iglesia Sanjuán, investigadora predoutoral no grupo LVTC e Karl Schurster Verissimo de Souza de Leão, investigador María Zambrano no grupo Traducción & Paratraducción.
En relación coa decisión de abordar na mesa a mente bilingüe entre a sociedade e a cognición, Carmen Parafita asegura que é imposible entender a mente bilingüe sen ter en conta, tanto aspectos sociais específicos a cada comunidade bi/multilingüe, como aspectos cognitivos de cada individuo. “As normas e convencións sociais específicas de cada comunidade teñen un impacto na forma en que os falantes usan as linguas do seu repertorio lingüístico, pero tamén é moi importante ter en conta experiencias persoais de cada individuo bi/multilingüe”, detalla a docente e investigadora do grupo LVTC.