Esta mañá arrancou na sede de Afundación, en Vigo, a trixésimo segunda edición do European Systemic Functional Linguistics Conference, ESFLC2023, un congreso internacional no que participan máis de 80 especialistas en Lingüística Sistémica Funcional procedentes dos cinco continentes. Organizado polo grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorization) da UVigo, esta é a primeira vez que o simposio europeo se celebra en Galicia, o que constitúe unha oportunidade “estratéxica” porque “nos sitúa no mapa da comunidade científica como equipo de relevancia na investigación sistémico funcional”, como destaca Ana Elina Martínez-Insua, profesora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e responsable do comité organizador.
Martínez-Insua foi a encargada de inaugurar o congreso acompañada por Maribel del Pozo, vicerreitora de Internacionalización; Carlos Gouveia, presidente da European Systemic Functional Linguistics Association); e Dolores González Álvarez, directora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. No acto deron a benvida aos 83 expertos e expertas procedentes de Arxentina, Australia, Brasil, Chile, China, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hong Kong, India, Italia, México, Nixeria, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido, Sudáfrica, España, Suecia e Taiwan. Aínda que o perfil das e dos asistentes é variado, en xeral son investigadoras e investigadores de lingüística interesados no estudo da comunicación humana tendo en conta os contextos nos que se produce e os medios e canais que emprega.
Unha disciplina que se centra no estudo e a descrición do proceso comunicativo
Como explica a directora do comité organizador, “o obxectivo primordial da Lingüística Sistémica Funcional é o estudo e a descrición do proceso comunicativo, prestando atención a como as mensaxes que o ser humano produce resultan eficientes á hora de comunicar a realidade circundante da maneira máis adecuada tendo en conta á ou ás persoas interlocutoras, o contexto situacional e o contexto cultural”. De maneira paralela, engade, “acéptase que a comunicación é inherentemente multimodal en tanto que o seu funcionamento non se circunscribe so ás mensaxes lingüísticas propiamente ditas senón que tamén está presente nas imaxes, nos xestos e mesmo nos silencios”.
102 propostas de comunicacións e 63 presentacións
A organización do ESFLC2023 recibiu un total de 102 propostas de comunicacións e haberá 63 presentacións que xirarán, principalmente, arredor do tema central desta edición, que son os desenvolvementos (cognitivos) en comunicación multimodal (dixital) e a expansión das fronteiras tradicionais da Lingüística Sistémica Funcional. Partindo da base de que “a interacción humana é inherentemente multimodal e da aceptación do codesenvolvemento da sociedade e dos medios dixitais para a comunicación e a súa análise”, como explican dende o comité organizador, “esta conferencia pretende afondar na explicación da linguaxe e outros modos de creación de significados e explorar modelos para a representación de tal multimodalidade”.
Tres conferencias plenarias
Tras o acto de inauguración, o congreso arrancou cunha das tres conferencias plenarias programadas para estas xornadas, coas que a organización trata de poñer en valor “o feito de que, na procura dunha explicación eficiente da natureza multimodal da comunicación, se poden integrar de maneira satisfactoria o modelo sistémico funcional, o cognitivo e psicolingüístico e a tecnoloxía dixital, dado que comparten certas bases epistemolóxicas de relevancia”. Este primeiro relatorio correu a cargo de Rebekah Wegener, da Universidade Paris Lodron de Salzburgo, que se centrou no emprego da tecnoloxía na investigación da comunicación multimodal, especialmente no ámbito médico.
A seguinte conferencia plenaria será mañá venres ás 09.30 horas da man de Inés Olza, da Universidade de Navarra, que abordará o estudo da comunicación multimodal e a xestualidade dende un punto de vista cognitivo e psicolingüístico ao tempo que funcional, facendo evidente o positivo do diálogo e a colaboración entre marcos teóricos, en principio, diferentes.
Finalmente, a terceira das conferencias plenarias correrá a cargo de Kay O’Halloran e terá lugar o sábado ás 12.30 horas. No seu relatorio, titulado Multimodality: Informing design, policymaking and activism for digital media, analizará o desenvolvemento de medios de comunicación e tecnoloxías dixitais tomando como base os principios de inclusión, igualdade, transparencia, privacidade, solidariedade, saúde, benestar, sustentabilidade e coidado do mundo natural.