Un ‘último agasallo’ para o recoñecido filólogo e teólogo don Celso Rodríguez, “un dos fundadores” da UVigo

Prostremum Munus, ‘o último agasallo’.  Este é o título elixido polas compañeiras e compañeiros de quen fora catedrático de Filoloxía Latina da Universidade de Vigo Celso Rodríguez Fernández, don Celso, falecido en xuño de 2021, para titular un libro homenaxe na súa memoria,  unha obra en lembranza deste recoñecido filólogo e teólogo, de quen só “tolerancia, sorriso e bondades podemos lembrar”. O volume presentouse este martes na  “súa amada” Facultade de Filoloxía e Tradución, nun acto que se converteu nunha cálida homenaxe a unha persoa que exerceu 47 anos como profesor universitario, primeiro en Salamanca, logo na Universidade de Santiago de Compostela e, desde 1972, en Vigo, primeiro no Colexio Universitario de Vigo, antigo Cuvi, e, xa logo, na creación e desenvolvemento da nova facultade humanística viguesa, hoxe chamada Filoloxía e Tradución,  da que foi decano e na que se xubilou en outubro de 2013.

A presentación do libro, editado polo Servizo de Publicacións, contou coa participación de numerosas persoas amigas de don Celso, de quen se lembrou tamén o seu labor como docente no Seminario Diocesano de Tui -que se prolongou durante 61 anos-, ademais das súas ocupacións como sacerdote.  Presidiu o acto o reitor, Manuel Reigosa, quen se referiu a don Celso coma “un dos fundadores” e, ao seu carón, compartiron mesa a vicedecana, Inmaculada Anaya, que substituíu ao decano, José Montero, a quen motivos de última hora impediron a súa asistencia; e os docentes Francisco J. Ledo Lemos, editor do volume xunto coa profesora Helena Cortés Gabaudán e o profesor, xa xubilado, Fernando Romo Feito. Entre o público, numerosas caras coñecidas, entre elas, o expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Eses primeiros anos no “vello Cuvi”

“Próximo e agarimoso, todos o respectabamos moitísimo”, subliñou o reitor, quen lembrou na súa intervención eses primeiros anos no “vello Cuvi”, onde el mesmo empezou a súa carreira docente. “A don Celso era habitual topalo cos botánicos da actual Facultade de Bioloxía axudándolles a pasar ao latín unha descrición dunha especie, ou cos xeólogos, pedíndolles que fixeran unha contribución para un libro colectivo no que era preciso introducir algo de ciencia”. Do mellor de toda esa herdanza das persoas que no seu día formaron parte do Cuvi, quedouse o reitor, “primeiro, co feito de que non somos compartimentos estancos, que debe haber movemento e interacción entre as distintas facultades e escolas, que todos nos enriquezamos coas contribucións dos alleos; e, segundo, co agarimo que fixo posible que ese xermolo de universidade, cos anos, se convertese nunha institución competitiva”.

Baixo a diversidade de enfoques late en moitos traballos, xunto ao recordo da persoa, a sensibilidade para o relixioso e para a lingua latina, “verdadeiramente patria espiritual de don Celso, a cuxa conservación contribuíu con eficacia”, describe o Servizo de Publicacións na presentación da obra, cuxo título completo é Postremum Munus. Studia in Honorem Celsi Rodríguez Fernández, unha expresión latina, ‘Prostremum Munus’, que os coordinadores recollen dun dos poemas do prestixioso poeta latino Catulo dedicado ao seu irmá, falecido lonxe de Roma.

“Cando finou don Celso axiña houbo varias voces na facultade, incluída a do decano, suxerindo que se fixera algún tipo de homenaxe para recordar a un profesor histórico deste centro, moi querido e que desempeñou varias veces o cargo de decano”, explica a profesora Helena Cortés. Foi entón cando o profesor Ledo, colega da Área de Latín de don Celso, e actualmente sucesor seu na facultade, colleu as rendas da iniciativa e se puxo mans á obra na elaboración dun tomo homenaxe contactando con moitas persoas que coñeceran a don Celso ou colaboraran con el no pasado, ademais, dos propios colegas da facultade.

Un home “de currrículo impresionante”

“O currículo de don Celso é impresionante e revela a un home completamente entregado ao traballo, xa sexa ao máis intelectual, como profesor e investigador universitario, xa sexa ao de sacerdote, coas súas numerosas tarefas de apostolado e un traballo social moi importante”, explican os coordinadores da obra.

O profesor Ledo Lemos foi o encargado de repasar o seu currículo. Educado primeiro no Seminario Diocesano de Tui, en onde foi superando desde os 12 anos de idade os doce cursos da carreira eclesiástica para poder ser ordenado cura; despois fixo estudos durante tres anos na Universidade Gregoriana de Roma, conseguindo o título de licenciado en Teoloxía e, máis tarde, o de doutor; tamén estudou na Universidade de Salamanca, na que completou, a maiores, unha segunda licenciatura en Filosofía e Letras pola rama de Clásicas. De alí pasou a Santiago de Compostela, en onde fixo o doutoramento en Filoloxía Clásica e empezou a súa carreira como docente. Cando en 1972 se creou en Vigo o Colexio Universitario, antigo CUVI, dependente da USC, formou parte do primeiro cadro de docentes que daba clases nel, ao principio sen edificio propio, pois este non chegaría ata o 1977.  Metido de cheo na creación e impulso na outrora Facultade de Humanidade en 1995 converteuse en catedrático da nova universidade e continuou exercendo este cargo ata outubro de 2013.

“O certo é que non paraba e as súas múltiples tarefas en tantas frontes, e tan distintas, obrigábano a multiplicarse de maneiras que se fixeron célebres entre os seus colegas, como durmir no seu despacho”,  lembran os coordinadores do volume, recalcando así a idea de que aproveitaba cada minuto que tiña, pero pese a vivir sometido ao que hoxe se cualificaría como un tremendo estrés, xamais perdía o bo humor nin o seu carácter servicial. “Consciente da diversidade do mundo, que o era, conviviu sorrindo coas posicións e opinións máis variadas, crentes e non crentes”. 

Medio milleiro de páxinas nas que predominan os temas literarios

Composto por preto de medio milleiro de páxinas e posto á venda a un prezo de 10 euros, o libro pode, a xuízo dos seus coordinadores, interesar a moitas persoas, xa que contén artigos moi variados: aínda que predominan os temas literarios relacionados co mundo clásico ou co pensamento relixioso, “fano desde perspectivas tan amplas e heteroxéneas que poden suscitar a curiosidade dun público moi diverso”, recalcan os coordinadores. Topónimos, reflexións sobre tradución, etimoloxías, autores literarios de diversas épocas e xéneros, a Biblia e o Códex Calixtinus, a bandeira vaticana, árbores sagradas, papiros gregos, latín xurídico, adiviñas inglesas… “todo isto e moito máis integra a obra”, conclúen os seus coordinadores.

Ler a noticia completa no DUVI