Nace Cumieira das Letras, unha publicación disposta a enriquecer a lingua, literatura e cultura galegas

Cumieira das Letras. Así bautizou o Departamento de Filoloxía Galega e Latina o seu novo proxecto, unha revista de periodicidade anual coa que buscan dar a coñecer traballos científicos en galego sobre a lingua, literatura e cultura galegas. “Cumieira das Letras Galegas, non leva este apelido no seu nome oficial, pero podería levalo porque ese é o motivo da súa propia existencia, as letras galegas”, tal e como explica o seu director, o profesor Alexandre Rodríguez Guerra.  A nova publicación presentouse este xoves ao  público na Facultade de Filoloxía e Tradución, onde tamén se levou a cabo a presentación do libro Querida Liberdade, dedicado á memoria de Antolín Faraldo e escrito polo filólogo e egresado da Universidade de Vigo Xurxo Martínez González.

A nova revista vén a cubrir o baleiro que deixou a desaparición de publicacións como o Boletín Galego de Literatura ou o Anuario Galego de Literatura. “Xa non tiñamos revistas monográficas onde se publiquen investigacións e análises da nosa literatura”, explicou o profesor Xosé Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, na presentación da nova publicación. Ao seu carón compartiron mesa e ideas o director e a secretaria da revista, a profesora Ana Acuña, e o decano da facultade,  José Montero. Todos coincidiron en subliñar o “esforzo e ilusión” dos integrantes deste departamento nun proxecto ao que se refiren como “aberto á cidadanía”.

Ler a noticia completa no DUVI