Filoloxía e Tradución acollerá un simposio internacional para analizar a complexidade dos sons da fala e o seu procesamento

A Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá entre o 21 e o 23 do vindeiro mes de xuño a novena edición do Congreso Internacional de Fonética Experimental (CIFE 2023), no que se darán cita investigadores, teóricos e profesionais dunha gran variedade de disciplinas como a acústica, a fonética experimental ou a neuropsicofonética. O obxectivo do simposio é, como explican Miguel Cuevas Alonso e Rosalía Rodríguez Vázquez, coordinadores do Laboratorio de Linguaxe e Cognición e organizadores do congreso, “explorar a complexidade dos sons da fala e o seu procesamento”.

Esta é a primeira vez que o congreso CIFE recala Vigo, xa que como destacan os seus impulsores, “despois da inauguración e posta en marcha do Laboratorio de Linguaxe e Cognición, pensamos que era o momento de que a nosa universidade fose a sede deste congreso”. Ao longo dos tres días de duración do simposio intervirán algúns dos máis importantes expertos e expertas neste eido procedentes de universidades estatais e estranxeiras, “un elemento crucial á hora de levar a nosa facultade alén das nosas fronteiras”.

Cen comunicacións e tres conferencias plenarias

O comité organizador do CIFE2023 seleccionou, de entre todas as comunicacións recibidas, arredor dun cento para ser presentaranse nesta cita. Nelas abordaranse diversos aspectos da fonética experimental, unha disciplina que, como puntualizan Cuevas e Rodríguez, “investiga a fala e como esta se procesa a nivel cerebral desde o punto de vista fisiolóxico, tanto a nivel articulatorio e acústico como de procesamento cerebral”. Neste sentido, engaden, “a fonética ofrece unha serie de aplicacións moi variadas, que abranguen desde a descrición das linguas e a súa variación sincrónica e diacrónica, o ensino de linguas, a lingüística clínica e a logopedia, o recoñecemento e produción de voz por parte da intelixencia artificial, a análise da compoñente do procesamento do son en determinadas enfermidades, a recuperación en casos de enfermidade, trauma, etc”.

Ademais, xa están confirmadas tamén as conferencias plenarias, que correrán a cargo da profesora Yiya Chen, da Universiteit Leiden, catedrática de fonética especializada no estudo dos sons da fala dende unha perspectiva interdisciplinar; o profesor Mark Gibson, da Universidad de Navarra, un recoñecido investigador na produción e percepción da fala e no ámbito da adquisición da fonoloxía, concretamente na relación entre patróns articulatorios e representación cognitiva; e o profesor Pascal Belín, do Institut des Neurosciences de la Timone (Aix-Marseille Université), un destacado experto en procesamento cerebral da voz tanto en primates como en seres humanos.

A asistencia e participación no congreso están abertas tanto a persoal investigador de eidos relacionados coa fonética experimental como a alumnado de terceiro ciclo e doutoramento, así como a profesionais de campos que se nutren das investigacións levadas a cabo no campo da acústica, a percepción do son, o procesamento dos sons da lingua, o ensino de linguas estranxeiras, etc.. “Tanto dende o punto de vista da investigación como da formación, este congreso ofrece comunicacións e conferencias relevantes para todas as persoas que teñen interese non só na fonética experimental tradicional (relacións fonética-fonoloxía, dialectoloxía, descrición lingüística, a historia da disciplina, etc.), senón tamén no procesamento da fala a nivel cerebral (é dicir, a neurolingüística); nas tecnoloxías lingüísticas, un tema de enorme actualidade; a lingüística clínica e as súas aplicacións médicas ou os novos métodos de investigación en fonética.

Un escaparate para a facultade e os seus grupos de investigación

Tanto Cuevas como Rodríguez salientan a importancia que ten tanto para a facultade como para a Universidade de Vigo no seu conxunto o feito de acoller o congreso, principalmente dada a importancia científica desta cita. “Trátase do congreso de fonética experimental por antonomasia no Estado, pois leva celebrándose máis de 15 anos e conta cunha gran masa crítica. As comunicacións aceptadas proceden de grupos de investigación tanto españois como estranxeiros e abranguen todos os ámbitos da fonética experimental. Xa que logo, fixemos unha aposta clara pola internacionalización, que nesta novena edición alcanza un nivel sobresaínte”. Ademais, sinalan, “contamos como conferenciantes plenarios con tres expertos de prestixio internacional e cunha traxectoria científica moi relevante”. 

En lembranza de Ana María Fernández Planas

Esta edición do congreso servirá tamén para render homenaxe a Ana María Fernández Planas, unha “recoñecidísima” investigadora e profesora de fonética da Universidade de Barcelona que faleceu prematuramente en agosto de 2021. O seu pasamento, explican os docentes da UVigo, “foi unha gran perda”,  pois era “unha das grandes, con maiúsculas, especialistas no ámbito da fonética experimental cun prestixio indubidable a nivel nacional e internacional”.  Na súa honra presentarase na primeira xornada do congreso, o día 21, ás 16.30 horas no salón de actos da facultade “un volume que recolle o sentir, a través de artigos de investigación, das persoas que, coma nós, a coñecemos e colaboramos con ela”, destacan os organizadores.

Ler a noticia completa no DUVI