Distinguen á profesora e investigadora Rexina Vega como Cunqueiriana de Honra 2021

A súa fascinación por Álvaro Cunqueiro chegoulle a Rexina Vega, escritora e profesora do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, na adolescencia, cando estudaba o bacharelato e, dende entón, dedicou boa parte da súa carreira como investigadora a afondar na obra deste autor. Todo este labor converteuna nunha reputada especialista na vida e obra do artista e fíxoa merecente de ser designada Cunqueiriana de Honra de 2021, nomeamento que foi decidido pola comisión delegada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro nunha reunión telemática que tivo lugar esta fin de semana.

“Despois de toda unha vida dedicada a pescudar na obra deste autor, sinto unha enorme gratitude por recibir esta distinción”, explicaba este luns a docente, quen tamén fixo fincapé en que esta homenaxe é, sobre todo, “unha grande oportunidade para revitalizar a obra deste autor, un dos grandes activos que temos na nosa literatura”. Desde o seu punto de vista, nesta ocasión tocoulle a ela, pero podería ter sido calquera dos seus compañeiros, “vai por min e por todos eles, xa que hai unha presadiña de estudosos cunqueirianos que levamos toda a vida estudando a obra deste autor, media ducia de investigadores, algún deles compañeiros meus nesta universidade”.

Ler a noticia completa no DUVI