Helena Cortés inmortaliza e desmitifica a Goethe na primeira biografía do escritor alemán elaborada por unha autora española actual

Cando a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá da Universidade de Vigo Helena Cortés Gabaudan recibiu o encargo da editorial Arpa de escribir unha biografía de Johann Wolfgang Goethe decidiu a aceptar o reto, “e falo de reto porque Goethe foi tan gabado, fíxose tanta haxiografía da súa persoa e obra, que calquera cousa que se atreva un a dicir sobre el resulta, ou ben escaso, ou ben un sacrilexio”, explica a xermanista, tradutora e autora de Goethe. Vivir para ser inmortal. Non obstante, Cortés asegura que “me parece que xa  vai sendo hora de baixalo dos altares e retratalo de xeito obxectivo, cos seus moitos acertos, pero tamén cos seus erros, tanto no humano, como no científico e literario. E non se trata dun mero intento de desmitificación, porque Goethe foi realmente un gran talento e deféndese só, trátase de poder achegalo a nós e velo cara a cara desde a nosa altura”. 

Para escribir a que é a primeira biografía elaborada por unha ou un autor español actual, “Cansinos Assens incluíra en 1957 unha longa biografía ao inicio da súa tradución de Goethe para Aguilar”, aclara Cortés, de quen foi un gran vitalista, ao tempo que profundamente hipocondríaco, que rexeitou durante toda a súa existencia o que lle lembraba á enfermidade e á morte, a investigadora optou polo relato, centrándose moito máis en contar ao home Goethe de carne e óso tal como era. “Na miña introdución preséntoo como un home angustiado de xeito patolóxico pola idea da morte e que por isto pon todo o seu talento e paixón vital en acadara inmortalidade. Esa é a idea que trata de reflectir o título”, explica Helena Cortés, que na súa obra reconstrúe as etapas e episodios máis significativos da vida do autor alemán. Así, a xermanista e tradutora da UVigo recrea na súa biografía a intensa e complexa amizada de Goethe co seu mecenas, o duque de Weimar; a súa pouca convencional comprensión do erotismo e a súa relación coas mulleres; a súa tenra relación cos netos e a súa obsesión de deixar tras de si un legado; a paixón de naturalista e a súa faceta de científico diletante; os seus felices anos bohemios en Italia e as tensións políticas da Alemaña da era napoleónica e a posterior presión conservadora, que condicionaron a súa vida. 

Ler a noticia completa no DUVI