Facultade de Fisioterapia

Traballo Fin de Mestrado

O Traballo de Fin de Mestrado (TFM) forma parte como módulo, materia ou disciplina do plan de estudos de todo título oficial de mestrado. No seu deseño debe preverse que a súa elaboración, avaliación e cualificación, teñan lugar dentro do período previsto para realizar os estudos.

O traballo de fin de mestrado é un traballo persoal e orixinal tanto no título como nos contidos, que cada estudante realizará de maneira autónoma baixo titorización docente, e debe permitirlle mostrar de forma integrada a adquisición dos contidos formativos e as competencias asociadas ao título. En ningún caso, pode ser un traballo presentado con anterioridade polo/a estudante nalgunha materia de calquera titulación nesta ou noutra universidade, aínda que pode integrar ou desenvolver traballos feitos nas actividades doutras materias da titulación.

O traballo de fin de mestrado poderá elaborarse en institucións ou empresas externas á Universidade de Vigo, nos termos que se establezan nos convenios institucionais asinados. Nese caso existirá a figura dunha persoa cotitora pertencente á institución ou empresa. A persoa titora académica compartirá coa persoa cotitora, as tarefas de dirección e orientación do/a estudante, e será, en calquera caso, responsabilidade do titor/a facilitar a xestión.

Regulamento do Traballo Fin de Mestrado na FFT


Matrícula no TFM


Para poder matricularse no traballo de fin de mestrado será requisito imprescindible ter matriculadas todas as materias requiridas para finalizar o plan de estudos.

A matrícula do traballo de fin de mestrado realizarase nos períodos oficiais de matriculación dos estudos de mestrado.


Depósito do TFM


Para poder realizar o depósito do TFM previo á súa defensa é preciso estar correctamente matriculado/a e contar co informe favorable da persoa ou persoas que titoricen o traballo.

O alumnado deberá realizar o depósito na convocatoria na que vaia a efectuar a defensa e sempre dentro das datas establecidas para o efecto, que serán fixadas polo decanato da FFT e non poderán coincidir cos períodos de depósito de TFG. Transcorridas todas as convocatorias dun mesmo curso sen que se levara a cabo o depósito, o/a estudante deberá volver matricularse.

Calendario de depósito do TFM 2018/2019