Facultade de Fisioterapia

09/11/2017 - Conferencia: “Prosodia, gestualidad y facilitación pragmática en el lenguaje”

Hora: 11.30 h

Lugar: Salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Poñente:Pilar Prieto (Universitat Pompeu Fabra).

Organizan:Phonetics and Phonology Laboratory (Pho2Lab), Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá e Departamento de Lingua Española.


Resumo:
Nesta conferencia presentaranse varios experimentos que tratan de como as características prosódicas e xestuais da linguaxe facilitan a memoria, a percepción e o desenvolvemento pragmático. Por unha banda, os estudos con nenos e nenas en diferentes etapas do seu desenvolvemento suxiren que as características prosódicas e xestuais das interaccións comunicativas actúan como mecanismos potenciadores da comprensión das intencións pragmáticas e poderán actuar como precursores no desenvolvemento da linguaxe. Por outra, varias investigacións sobre a aprendizaxe dunha segunda lingua mostran como a prominencia prosódica, así como os xestos rítmicos, facilitan a adquisición de novas palabras e habilidades de pronuncia.

Estas descubertas suxiren que un enfoque multimodal é esencial para comprender o desenvolvemento da linguaxe e que se pode aplicar con éxito no ensino de linguas e nos contextos de rehabilitación lingüística.


Breve CV:
Pilar Prieto é Profesora de Investigación do Departamento de Tradución e Ciencias da Linguaxe da Universidade Pompeu Fabra. Obtivo o seu doutoramento en Lingüística Románica na Universidade de Illinois at Urbana-Champaign e traballou nos Laboratorios Bell (New Jersey) sobre o significado lingüístico da prosodia dende unha perspectiva multilingüística. Dende 2008 coordina o “Prosodic Studies Group”.

É autora de numerosos artigos en revistas de elevado impacto internacional (*Discourse Processes*, *Frontiers in Psychology*, *Infant Behavior & Development*, *Journal of Phonetics*, *The Linguistic Review*, *Journal of Pragmatics*, *Probus*, *Phonética*, *Speech Communications*, *Journal of Nonverbal Behavior*, *Journal of Cognitive Neuroscience*, *Language & Speech*, etc. ) e de capítulos de libros e monografías en editoriales de moi recoñecida relevancia (Oxford University Press, John Benjamins, Mouton de Gruyter, etc.).

Coordinou o Interactive Atlas of Romance Intonation, o Atles Interactiu de l’Entonació del Catalá e o Atlas Interactivo de la Entonación del Español, ademais de dous volumes que son referencia internacional no eido da prosodia do español e das linguas romances: *Transcriptión of Intonation of the Spanish Language* (Lincom, 2010) e *Intonation in Romance* (2016, Oxford University Press).

A súas liñas de investigación céntranse na comprensión do papel da prosodia e dos xestos concomitantes á fala dende unha perspectiva translingüística, do desenvolvemento e cognitiva co fin de: a) incorporar este coñecemento nos modelos semánticos da linguaxe e as súas interfaces, b) a investigación empírica sobre como os humanos procesan os patróns prosódicos e xestuais na súa combinación coa fala, e c) analizar os beneficios cognitivos e de desenvolvemento na adquisición de linguas primeiras, segundas e estranxeiras, así coma o adestramento comunicativo para poboacións con e sen déficits lingüísticos.