Facultade de Fisioterapia

12/04/2018 - Conferencia: “Activismo feminista e tradución nun mundo transnacional”

Hora: 12.00 h.

Lugar: Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Intervirá:

  • Olga Castro
    Aston University, Birmingham.

Temática:

No actual contexto da globalización transnacional, dáse un grande consenso académico á hora de recoñecer a tradución como unha poderosa ferramenta de mediación cultural. Por extensión, nesta nosa era do feminismo transnacional, no que os diálogos e encontros trasnacionais poden contribuír a evitar as prácticas excluíntes e universalizadoras do feminismo occidental mediante a creación de enfoques interseccionais que contemplen as capas identitarias de raza, xénero, sexualidade, etnicidade ou nación (e tamén mediante novas lecturas sobre a opresión de xénero en diferentes contextos), a tradución desempeña un papel vital en facilitar ou entorpecer estes encontros. Os intercambios interculturais promovidos polas prácticas de tradución terían, xa que logo, un grande potencial para desenmascarar a natureza universal e universalizadora da discriminación de xénero, ao tempo que deixarían en evidencia os xeitos diversos nos que estas prácticas discriminatorias se materializan en diferentes situacións. Tomando isto como punto de partida, o meu relatorio sobre o activismo feminista en tradución nun mundo transnacional ten un dobre obxectivo: dunha banda, reflexionarei sobre o concepto de ‘estudos feministas de tradución’ e o que implica a súa teorización nun mundo transnacional; sen dúbida, nun momento histórico no que están a experimentar un crecemento sen precedentes en termos xeopolíticos e inter/disciplinarios. Da outra, logo de facer un repaso sucinto polos diferentes enfoques feministas ‘tradicionais’ aos estudos de tradución (tradutoras na historia, autoras traducidas, teoría feminista a través da tradución ou linguaxe inclusiva e tradución, entre outros), tratarei de revelar algúns dos baleiros de investigación máis significativos na encrucillada entre os estudos de tradución e os estudos feministas. Pretendo con isto apuntar ás oportunidades e aos desafíos de pór a tradución no punto de mira do activismo feminista transnacional.


Olga Castro é profesora titular e xefa da sección de Translation Studies na Aston University (Birmingham), a onde chegou despois de traballar na University de Exeter e na Universidade de Vigo. Licenciada en Xornalismo (USC) e en Tradución e Interpretación (Uvigo), é doutora en Tradución pola Universidade de Vigo cunha tese sobre as achegas feministas aos estudos galegos de tradución (premio extraordinario de doutoramento). Publicou Feminismos (Xerais, 2013; en coautoría con María Reimóndez) e editou un número especial sobre feminismo e tradución na revista académica Gender and Language (2013). Con María Liñeira coeditou un número especial sobre literatura galega na revista Abriu: Textuality Studies on Brazil, Galicia and Portugal (2015) e mais o volume Trama e urda: contribucións multidisciplinares desde os estudos galegos (Consello da Cultura Galega, 2015). As súas publicacións máis recentes son Feminist Translation Studies: Local and Transnational Perspectives (Routledge, 2017; coeditado con Emek Ergun) e Self-translation and Power: Negotiating Identities within Multilingual Europe (Palgrave, 2017; coeditado con Sergi Mainer e Svetlana Page). Na actualidade é investigadora principal do proxecto “Stateless Cultures in Translation: The Case of Basque, Catalan and Galician literatures in the UK” (2018-2020), financiado pola British Academy/Leverhulme Trust. Leva publicados unha vintena de artigos académicos no campo dos estudos feministas de tradución, das políticas de tradución en culturas minorizadas, das rutas transnacionais dos textos traducidos e da autotradución en contextos multilingües. En 2017 foi nomeada académica correspondente da Real Academia Galega e vicepresidenta da Association of Programmes in Translation and Interpreting Studies of the UK and Ireland (APTIS). Entre 2009 e 2015 exerceu cargos directivos na Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG).


Máis información