Facultade de Fisioterapia

Exposición sobre as traducións de Tintín

Durante as dúas semanas que van do 16 ao 27 de abril de 2018 todas as persoas que pasen polo vestíbulo da Facultade poderán contemplar a exposición organizada polo programa doutoral Tradución & Paratraducción (T& P), a UVigo e o Decanato da FFT titulada Do paratexto á paratraducción: a colección de Tintín de Pedro Rey ou cando as imaxes cobran vida. O día 25 de abril ás 11.00 h no Salón de Actos da FFT, Pedro Rey —o tintinófilo galego que nos cede parte da súa colección (unha das maiores do mundo) para a nosa exposición— impartirá a conferencia titulada As linguas de Tintín.

Economista reconvertido a informático e deseñador gráfico, nacido en Vilagarcía en 1974 e residente en Santiago de Compostela, o tintinófilo e tintinólogo galego Pedro Rey, autor do Blogue titulado Blogue sobre Tintín. E eu aínda diría máis… —un dos blogues máis visitados en lingua española sobre o universo de Tintín— posúe unha das maiores coleccións do mundo sobre o reporteiro que creou o debuxante belga Georges Rémi asinando baixo o pseudónimo de «Hergé» formado a partir das iniciais «R» do seu apelido e «G» do seu nome pronunciadas en francés. A colección de Pedro Rey empezou coa lectura do seu primeiro libro, Tintín no país do ouro negro á idade de 6 anos e non fixo máis que crecer co tempo chegando a completar unha colección con exemplares de Tintín nos 116 idiomas ou dialectos aos que foi traducido e editado.


Máis información