Arranca a busca dos mellores videoxogos de 2022 dobrados ao español, galego, catalán e éuscaro

Desde este xoves todas as persoas interesadas no mundo dos videoxogos poden votar os seus títulos favoritos de 2022, xa sexan en español, galego, catalán ou éuscaro. Así arranca a segunda edición dos Premios ETIV-UVigo á localización de videoxogos, unha iniciativa coa que a institución académica viguesa busca recoñecer o bo traballo das persoas que se  dedican á localización de videoxogos, é dicir, a conseguir trasladar un videoxogo da súa lingua orixinal a unha lingua meta. “Ademais de dar ese recoñecemento ás mellores producións do ano, queremos tamén ofrecerlles visibilidade ás persoas que desempeñan ese labor de localización, apoialas na súa loita por unha adecuada acreditación do seu traballo e darlles un pulo ás linguas propias das diferentes comunidades históricas”, explican Óscar Ferreiro, Ramón Méndez, José Yuste  e Emmanuel-Claude Bourgoin, os catro docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución que están detrás desta iniciativa.

Lanzáronse hai apenas un ano e xa nesa primeira edición acadaron un notable éxito. “Nesta segunda convocatoria agardamos chegar aínda máis lonxe, de feito xa se puxeron en contacto con nós múltiples profesionais de empresas que desenvolven xogos preguntándonos se este ano se ían convocar os premios”, explica o profesor Óscar Ferreiro. A localización dos videoxogos é un dos eidos máis descoñecidos dun inmenso mercado profesional que non para de medrar. Trátase, tal e como indican na propia web dos galardóns, dun sector de gran capacidade empregadora, xa que o desenvolvemento dun videoxogo involucra, segundo o caso, desde unha única persoa ata un milleiro delas. Neste aspecto, “o eido da localización adoita ser un dos máis descoñecidos, malia a grande importancia que posúe a correcta adaptación do produto orixinal ás linguas meta”, salientan os organizadores, ao tempo que lembran que esta iniciativa xorde do grupo de investigación Tradución & Paratradución (T&P), dentro do marco de actividades do Título Propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo (ETIV) e do Máster en Tradución para a Comunicación Internacional (MTCI), título con Mención de Excelencia da Xunta de Galicia.

Ler a noticia completa no DUVI