430 especialistas debaten en Vigo sobre plurilingüismo e a aprendizaxe de segundas linguas

Inaugurado polo reitor no seu primeiro acto institucional no campus de Vigo

No XIII Congreso de Lingüística Xeral que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución ata o venres

Plurilingüismo, diversidade lingüística, aprendizaxe de segundas linguas, neofalantes, didáctica da prosodia, aprendizaxe da lingua de signos, xénero e sexo, ideoloxías lingüísticas… son moitos os aspectos relacionados coas linguas os que se abordarán dende hoxe mércores e ata o venres no XIII Congreso de Lingüística Xeral que se celebra na Facultade de Filoloxía e Tradución. O simposio reúne 430 especialistas procedentes de todo o mundo, como explicaba no acto de inauguración a profesora Maruxa Cabeza, membro do comité organizador, que agradecía “a boísima acollida e a enorme cantidade de contribucións que tivemos”, tanto de asistentes como de sesións e comunicacións. Ao longo des tres días desenvolveranse mesas redondas, debates, presentacións e comunicacións e sesións plenarias con representación de docentes e persoal investigador de EEUU, Chile, Arxentina, China, Portugal, Francia, Italia, Croacia, Polonia ou Bélxica, e unha gran presenza de expertos e expertas do Brasil.