Unha tarde chea de luz para render homenaxe a Domingo Villar e ao Vigo máis ‘noir’

Máis dun cento de persoas ateigaron este xoves o edificio Redeiras para asistir á xornada Vigo Noir, cidade ilustrada, un evento organizado por docentes da Facultade de Filoloxía e Tradución que reuniu a varios escritores de renome para falar de Vigo, do seu capital literario e do fenómeno Vigo Noir. O acto serviu tamén para render homenaxe a Domingo Villar, escritor falecido hai xustamente un ano, e un dos principais representantes dun fenómeno literario que ten como nexo de unión a elección da cidade de Vigo como localización para as súas novelas negras.

Os encargados da organización desta cita foron José Montero Reguera, decano da Facultade de Filoloxía e Tradución; Iolanda Galanes Santos, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e Blanca Miranda Rodas, estudante de doutoramento e investigadora sobre a tradución do Vigo Noir, que se amosaban moi satisfeitos pola acollida deste evento entre o público, cunha asistencia que mesmo desbordou a capacidade da sala. “Despois de traballar con moita ilusión neste acto, nunca pensamos que ía ter tanto éxito”, recoñece Blanca Miranda, e citaba a María Xosé Porteiro que, no transcurso do acto, facía fincapé en que “conseguir algo tan luminoso arredor do ‘noir’ ten un aquel especial”.

No acto participaron os escritores Pedro Feijoo, María Xosé Porteiro e Manuel Forcadela, autores todos eles de novelas ambientas en Vigo, e o profesor da Universidade do Minho Xaquín Núñez Sabarís, premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020 e primeiro autor en abordar a categoría Vigo Noir nos estudos literarios. Nas súas intervencións abordaron os motivos e as circunstancias que teñen feito da cidade olívica un escenario de novela, nas súas obras pero tamén nas de outros autores que decidiron que os seus protagonistas percorresen as rúas de Vigo como Álex Alonso, Francisco Castro, Laura Caveiro, Ledicia Costas, Rodrigo Cota ou Beto Luaces entre outros. De feito, destaca a profesora Iolanda Galanes, “transitar polas rúas de Vigo, na ollada de Mariña e Simón de Os Fillos do Lume, na de Toni Barreiro de Sangue sobre a neve ou pola Zona vella de Cobardes son a oportunidade de descubrir unha nova cidade”. Con todo, pode que o inspector Leo Caldas, fose un dos personaxes que máis ten contribuído a crear ese Vigo negro e criminal. Ao seu creador, o escritor Domingo Villar, de cuxo falecemento se cumpría onte o primeiro cabodano, estivo dedicado o acto, que abriu o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, lembrado a calidade artística e tamén humana de Villar e ao que tamén asistiu o reitor da Universidade, Manuel Reigosa.
 

Ler a noticia completa no DUVI