Facultade de Fisioterapia

Peer Mentoring FFT

O programa Mentoring-FFT é unha parte fundamental do Plan de Acción Titorial (PAT) no Grao en Linguas Estranxeiras da Facultade de Filoloxía e Tradución.

Durante anos, foi o profesorado quen exerceu o labor de mentor do alumnado do primeiro curso. Dende 2015/2016 é o alumnado de cursos avanzados quen se involucra no proceso de orientación ao estudantado que comeza os seus estudos universitarios. Outro cambio importante é que as persoas que participan no programa son seleccionadas e formadas especificamente para este programa de mentorización. O estudantado novo, mentees, está mentorizado por outras/os estudantes, mentors, e como consecuencia lóxica cremos que mellorarán en termos de comunicación e de resultados. Isto non é soamente unha idea ou asunción, senón que está corroborado con datos estatísticos recollidos sobre os anos que levan impartindo o programa de mentorización na Escola de Enxeñaría e Telecomunicación (MEET-Teleco).


O programa Mentoring-FFT é unha oportunidade tripla:

  • Para o alumnado mentor porque, alén das competencias académicas que ides adquirir como estudantes da Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT), na vosa vida laboral (e persoal) ides precisar outras habilidades relacionadas co trato con persoas (clientes, xefes, compañeiras/os, persoal ao cargo, etc.), e tamén habilidades relacionadas co coñecemento e a xestión de vós mesmas/os. Mentoring-FFT proporciónavos unha introdución a estes aspectos e, cun enfoque eminentemente aplicado, ofrécevos a oportunidade de vivir unha primeira experiencia de liderado, axudando ao crecemento persoal de compañeiras/os recentemente chegadas/os á Facultade.
  • Para o alumnado tutelado, mentees, porque ides contar co apoio de outras/os estudantes que, inda que con máis experiencia, están moi próximas/os a vós, que coñecen de primeira man os vosos problemas e dificultades na incorporación á Universidade e están dispostas/os a orientarvos para que superedes as primeiras andaduras.
  • Para a Facultade porque, por unha banda, o alumnado mentor mellorará as súas competencias, incrementando así a súa empregabilidade; por outra banda, os efectos beneficiosos sobre o alumnado tutelado (mentees) favorecerán a súa integración, a súa motivación e os seus resultados académicos. É unha oportunidade, en suma, para xestar unha cultura de organización baseada en aspectos que non son unicamente académicos.

Programa Peer Mentoring 2018-2019