O profesor José Montero achégase nun libro á menosprezada faceta poética de Cervantes

A obra poética é unha faceta menosprezada da obra literaria de Cervantes, eclipsada pola súa proxección como novelista. Pero Miguel de Cervantes achegouse á poesía en todas as súas vertentes e foi a expresión artística que cultivou de maneira máis constante, “desde os seus primeiros anos até o final dos seus días, cando se despide dos lectores cun adeus garcilasiano no Persiles”. Así o explica o profesor e decano de Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero no seu novo libro Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista. O volume reúne e sintetiza materiais diversos “consecuencia dunha longa traxectoria investigadora dedicada ao estudo da obra literaria de Miguel de Cervantes que comezou agora hai 25 anos”, resume Montero. Todos estes materiais foron coidadosamente revisados para artellar este libro, que segundo remarca, non é unha compilación de artigos, “senón un libro que descansa nunha longa dedicación ao tema”.

Montero Reguera, catedrático de Literatura Española, é director de Hesperia (Anuario de Filología Hispánica) e de Anales Cervantinos e ten publicado numerosos estudos sobre autores e textos do Século de Ouro, con especial atención a Cervantes. Explica que a poesía de Cervantes quedou nun segundo plano por diversos motivos, que van da importancia do Quijote ao longo do tempo e do resto das obras en prosa, especialmente Novelas ejemplares e Persiles y Sigismunda, pero tamén “pola dificultade de comprensión hoxe de textos poéticos de hai tres séculos”, polas canles en que foi transmitida a poesía de Cervantes e por certa incomprensión da historiografía literaria”. Non obstante, cultivou a poesía ao longo de toda a súa carreira “ben manuscrita, ben impresa; para academias, xustas e certames; incorporada a libros de prosa ou teatro; seria, xocosa, lírica, burlesca, épica, satírica…” Esta producción poética é a que revindica Montero, xa que considera que “non se pode prescindir dunha expresión literaria que acompañou a Cervantes sempre, en próspera e adversa fortuna, que lle permitiu certo renome no seu momento (como escritor romancista, por exemplo) e que lle insería de cheo nas canles polas que a literatura de entón, a poesía en particular, circulaba”.

Ler a noticia completa no DUVI