O grupo LVTC afonda no coñecemento do multilingüismo en Benín e Belice

Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central (Crossing language borders: A quest for the human language capacity in West Africa and Central America) é un proxecto financiado polo Dutch Research Council (NWO) con 776.162 euros, que ten o obxectivo de mellorar a comprensión dos aspectos estruturais, sociais, culturais e cognitivos da comunicación multilingüe en dúas localizacións pouco estudadas: Benín, en África Occidental, e Belice, en América  Central. “Trátase de entender a fascinante habilidade humana de usar diferentes linguas nunha mesma conversa. Os multilingües poden incluso integrar elementos das  súas linguas nun único enunciado. Esta práctica, coñecida como alternancia de código, tende a ser estigmatizada no contexto europeo, pero é común e favorecida noutras partes do mundo onde o multilingüismo é a norma”, explica a docente e investigadora do grupo LVTC (Languaje Variation and Textual Categorisation) da UVigo M. Carmen Parafita Couto, que xunto co investigador afiliado a LVTC, e orixinario de Belice, Osmer Balam, conforma a representación da Universidade de Vigo no proxecto Cruzando fronteiras lingüísticas: na procura da capacidade lingüística humana en África Occidental e América Central. “A nosa investigación céntrase en dous países, Benín e Belice, onde o uso de varias linguas na mesma conversa é a práctica comunicativa preferida. Utilizaremos unha combinación de metodoloxías para recoller diferentes tipos de datos: fala espontánea e elicitada, así como técnicas experimentais, como a pupilometría. Ao analizar os cambios na dilatación da pupila (un índice de esforzo atencional) poderemos determinar se a alternancia de linguas implica custos de procesamento lingüístico nestas comunidades onde esta práctica lingüística é o normal”, detalla Parafita Couto en relación co traballo de investigación que están a realizar.

Xunto á UVigo, participan no proxecto as universidades de Leiden (Felix Ameka) e Ámsterdam (Enoch Aboh), nos Países Baixos, así como unha investigadora afiliada da Universidade de  McGill (Annie Beatty-Martínez). Co orzamento de máis de 776.000 euros do que dispón o proxecto, contrataranse dous investigadores predoutorais e outro posdoutoral, ademais de costear os gastos de recollida de datos en Benín e en Belice.

Ler a noticia completa no DUVI