Letras galegas: seis poemas para sete días VI

O castelo de Luna, aló nos montes,
o real prisioneiro aferrollado
quer morrer, e morrer quer, o coitado,
con cadeas que á groria foron pontes.
Día aquil sen mañá i enchento de ontes.
Ribadavia souril, Avia loubado…
Cabaleiros, besteiros no fousado…
Balbor de Deus no gurgullar das fontes…
Ai, adéus… De unha vida – treboada
de courazas e pó, elmos e croas,
súpeta e deloirante cabalgada –
Fican os ferros sós, as chagas soas,
e unha morna saudade aluarada,
rei da saudade, que ao teu reino voas.